Tuesday, December 13, 2005

UTOPÍA-SON

UTOPÍA-FORO CONVOCA O PRIMEIRO PREMIO DE CANCIÓN DE AUTOR
Pretendemos con este premio, dentro das nosas cativas posibilidades, apoiar e provocar a aparición de cancións e intérpretes que se aparten dos trillados e manidos camiños nos que se move iso que se debería chamar canción popular e que en realidade habería que chamar subproductos musicais comerciais.
Con esta intención UTOPÍA-FORO convoca un premio de 600 € Á mellor canción inédita en calquera estilo musical.
Desexamos que o esforzo que supón para nós organizar e conceder este premio teña unha contestación de creatividade que axude, no que poida, a devolverlle á música popular a riqueza, variedade e calidade que noutro tempo tivo, e que hoxe está abafada polos intereses de rentabilidade comercial que as multinacionais do disco conqueriron impor.
A música popular quizá sexa a arte máis degradada na actualidade. A industria discográfica, pendente única e exclusivamente dos beneficios, está a monopolizar un xigantesco mercado con cancións e intérpretes de usar e tirar. Como unha arma sonora de destrucción masiva destrúe a sensibilidade musical dun público cada vez máis alienado musicalmente ao que se lle dá cada vez máis basura para que cada vez esixa unha basura maior.
UTOPÍA-FORO pensa que é posible comezar desde abaixo unha batalla sen tregua contra todo aquilo que nos fai máis idiotas e polo tanto máis débiles, e polo tanto máis manipulables; en vez de facernos máis intelixentes, e polo tanto máis fortes, e polo tanto máis libres.
Alí onde os homes loitaron, amaron, sentiron houbo unha canción. Alí onde resitiron, onde tiveron que cantar xuntos para defenderse do medo e a barbarie, houbo unha canción. Alí onde se divertiron, bailaron e beberon, sempre houbo unha canción que lles fixo rir, que lles fixo ver as cousas que estaban no máis profundo do seu corazón. Cunha canción nos beizos pelexaron e venceron, manifestáronse e morreron, invocaron ao valor e lembraron aos seus, ás súas terras, aos seus soños, ás súas utopías.
Hoxe nese sitio só hai un inmenso barullo deseñados por executivos sen escrúpulos que pensan que canto máis axuden a embrutecer aos seus clientes máis fácil será quitarlles os cartos vendéndolle fume sonoro.
Para que renazan días nos que as palabras sobre as músicas volvan a dicir algo, a contarnos, a cantarnos, a musicar a vida.
UTOPÍA-FORO